Tuesday 30 de April de 2024

Fabiola García aborda co alcalde de Ponteceso a mellora dos servizos de atención ás persoas maiores


Estudiouse a posibilidade de dotar á localidade dunha ou dúas casas do maior, servizos de atención diúrna gratuítos nos que os maiores reciben coidados personalizados e que son financiados pola Xunta

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, reuniuse esta semana co alcalde de Ponteceso, José María Mato Matínez, que estivo acompañado do edil Roberto Alexandre Andrade de Santiago e da concelleira de Servizos Sociais, María Josefa Álvarez Bugallo. Fabiola García trasladoulles que os coidados aos maiores e o apoio ás familias son dous dos piares dos orzamentos da Consellería para o vindeiro ano 2024, que acadan a cifra récord de 1.205 millóns de euros, un 12% con respecto aos actuais.

A conselleira atendeu á petición dos responsables municipais sobre a necesidade de que Ponteceso conte cun servizo de atención diúrna para as persoas maiores. Entre as propostas que se barallaron está a posibilidade de cubrir esta demanda a través de unha ou dúas casa do maior, que poderían entrar en funcionamento o vindeiro ano.

As casas do maior son servizos gratuítos de atención diúrna para persoas maiores de 60 anos e para asegurar un coidado personalizado contan cun máximo de cinco prazas cada unha. Ademais, a entrada en servizo destes recursos non suporía custe algún para o concello, pois a Xunta concede axudas tanto para a adecuación dos locais onde se abren como para a súa actividade.

Modelo idóneo
A posta en marcha destas casas do maior permitiría comprobar o seu funcionamento e aceptación por parte dos usuarios. Tamén facilitaría poder analizar con máis detalle se son o modelo idóneo de atención para seguir ampliando o servizo ou, polo contrario, se é necesaria a construción nun futuro dun centro de día que, a diferencia das casas do maior, tería un importante custe para as arcas locais e tamén para os maiores usuarios, xa que este servizo non é gratuíto en ningún caso.

Por outra parte, Fabiola García e José María Mato tamén falaron sobre a escola infantil publica que a Xunta ten en funcionamento en Ponteceso e sobre a necesidade de realizar obras de mellora neste centro.